Tuesday 21 de May de 2024

Turismo de Galicia inaugura unha exposición fotográfica sobre os atractivos da comunidade na cidade arxentina de Córdoba


A mostra, que conta con máis de 110 instantáneas do fotógrafo galego Adolfo Enríquez, será inaugurada o próximo xoves e poderá verse no Centro Cultural do Paseo del Buen Pastor ata o vindeiro 12 de abril
 Turismo de Galicia, en colaboración coa O.E.T. de Bos Aires, inaugura esta semana a exposición fotográfica “Galicia. Imágenes de la nueva Europa”. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 12 de abril no Centro Cultural do Paseo del Buen Pastor da cidade arxentina de Córdoba.

Trátase dunha exposición que conta cun total de 110 imaxes do fotógrafo galego Adolfo Enríquez que mostran as paisaxes, recursos, e principais reclamos turísticos de Galicia como destino. Unha vez clausurada a exposición na cidade de Córdoba, esta mostra fotográfica poderá verse tamén nas cidades arxentinas Mar de Plata e Rosario.

Por outra parte, no marco desta acción promocional, terá lugar na cidade de Córdoba un encontro de traballo no que Turismo de Galicia realizará un curso de capacitación para máis de cen axentes de viaxes arxentinos.

Turistas procedentes de América
O obxectivo desta iniciativa promocional é difundir a oferta turística galega nun dos mercados máis interesantes do panorama internacional. Os turistas do continente americano, sen contar cos Estados Unidos, sumaron no pasado ano 2015 máis de 116.000 viaxeiros que fixeron na nosa comunidade 212.000 pernoctacións, superando nun 26% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 20% o volume de pernoctacións do anterior ano 2014. O continente americano, exceptuando EEUU, representou así o 11,7% do total da demanda internacional de Galicia.